Monday 13 de May de 2024

A Xunta impulsará con ‘O Teu Xacobeo’ 162 proxectos na provincia da Coruña que mobilizarán máis de 4,3m€


Román Rodríguez presentou a resolución desta convocatoria e subliñou que representa o carácter “participativo, descentralizado e sustentable” do Ano Santo
A convocatoria aberta de proxectos O Teu Xacobeo permitirá impulsar 162 iniciativas de dinamización en máis 56 concellos da provincia da Coruña. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, anunciaron esta mañá a resolución deste proxecto que conta cun investimento de máis de 2,2M€ por parte da Xunta e que permitirá mobilizar máis de 4,3M€ en toda a provincia da Coruña deste 2019 e ata abril do 2020.

O conselleiro de Cultura e Turismo subliñou a “gran acollida” desta iniciativa, impulsada co obxectivo de implicar e fomentar a participación de todos os axentes da sociedade no deseño do próximo Xacobeo 21. De feito, Román Rodríguez destacou que se recibiron un total de 652 propostas de toda Galicia nas tres liñas de axuda abertas e lembrou que a gran afluencia de solicitudes levou a ampliar o investimento destinado a este proxecto, pasando dos 2 millóns iniciais a un total de 4,7. “Trátase da convocatoria de concorrencia competitiva aberta á sociedade máis importante da historia de Galicia”, resaltou o conselleiro de Cultura e Turismo.

No caso da primeira liña de axudas, destinada a proxectos formulados por entidades locais (concellos galegos, mancomunidades, consorcios locais ou deputacións), impulsaranse un total de 32 proxectos da provincia coruñesa que contarán cun investimento público de case 289.000 euros. A meirande parte destas iniciativas permitirán mobilizar recursos locais, fomentarán a innovación e o uso das TIC e farán especial énfase na promoción de artistas ou creadores galegos.

A segunda das liñas favorecerá a posta en marcha de 37 iniciativas propostas por pemes e particulares da Coruña nas que se investirán preto de 627.000 euros en proxectos centrados no desenvolvemento rural, o impulso de talento emerxente ou o fomento da igualdade. Por último, a terceira das liñas permitirá que boten andar 93 propostas de entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro da provincia e contará cun orzamento de 1,3M€ millóns de euros. “Confiamos en que esta iniciativa sentará as bases dun Xacobeo que sintan como propio todos e cada un dos galegos”, recalcou Román Rodríguez.

Cinco ámbitos de actuación
O conselleiro de Cultura e Turismo recalcou que O Teu Xacobeo representa o carácter “participativo, descentralizado e sustentable” do próximo Ano Santo polo que aposta a Xunta. De feito, Román Rodríguez celebrou que a posta en marcha dos diferentes proxectos permitirá ampliar a repercusión da celebración, anticipando e levando a súa influencia máis alá do 2021, ao tempo que se avanza na súa “descentralización”, implicando a todos os concellos de Galicia. “O Xacobeo non pode ser un proxecto duns poucos, senón un proxecto participativo”, destacou.

As iniciativas seleccionadas abranguen un total de cinco áreas: o ámbito artístico, patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade, gastronomía, ámbito deportivo e ámbito social. O ámbito artístico comprende toda unha serie de disciplinas como artes visuais, arquitectura, deseño, cultura dixital, moda, cinema e documental, todo tipo de músicas, artes escénicas, literatura e libro. No eido do patrimonio, historia, pensamento e espiritualidade terán cabida foros de reflexión, encontros, publicacións, estudos, etc.

En canto a área gastronómica, inclúense experiencias e actividades de elevado valor engadido, que contribuirán a dar a coñecer e gozar do patrimonio enogastronómico de Galicia achegando a visitantes e locais unha parte das tradicións, oficios, cultura, historia e identidade territorial, así como a promoción de produtos con denominación de orixe ou indicacións xeográficas.

No ámbito deportivo realizaranse eventos de distintas disciplinas deportivas. Inclúense actividades dirixidas e ao aire libre como camiñadas ou rutas organizadas e tamén disciplinas relacionadas co benestar e o gozo respectuoso da natureza. Por último, o ámbito social contempla proxectos relacionados coa defensa dos dereitos humanos ou vinculados a colectivos vulnerables.